“…Otero, sendo consciente da sociedade hipermoderna na que nos atopamos, acelerada, cambiante e líquida, reivindica o silencio, a profundidade do discurso, o ornamento barroco e naturalista, a emoción, a tenrura e o sentimento. Ollamos aquí como Charlot se torna icona doutra posibilidade quasibarroco-romántica dun mundo tecnificado e paulatinamente máis ciborgizado (Coca, Valero-Matas e Solano, 2016). Agora ben, a episteme oteriana é paradóxica xa que se move entre unha perspectiva barroco-romántica galaico/latinoamericana que lonxe do racionalismo ilustrado aposta pola transgresión da natureza nunha estrutura coa que dialogamos, do seu ser simbólico e da subversión do mundo moderno e tecnificado por outro moito máis humanizado, prudente, mesurado, silencioso.…”