Os hipocorísticos, ou formas afectivas dos nomes persoais, apenas foron obxecto de estudo en Galicia ata agora. Neste traballo comézase reflexionando sobre a súa delimitación conceptual e as dificultades metodolóxicas para o seu estudo. Logo, examínanse os rexistrados en Galicia ao longo dos séculos, desde a Idade Media, os Séculos Escuros e o século XX ata as tendencias máis recentes. A partir deles faise unha análise dos procedementos de formación dos hipocorísticos máis tradicionais (a adxunción de sufixos, a supresión de sons, o uso de certas consoantes palatais, e outros) e considérase a influencia que sobre eles tiveron os cambios nas tendencias onomásticas dos últimos anos. Ao final reprodúcese a compilación das máis de 400 formas rexistradas.