A denominada Casa del Maestro de Pontevedra foi unha asociación de mestres e mestras, que entre 1934 e 1936 chegou a contar con mais de mil asociados. O groso da documentación, incautada durante a Guerra Civil polas instancias franquistas, salvouse milagrosamente e foi depositada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra (AHPP). Tamén se conservou case íntegra unha colección do seu órgano de difusión, a revista Escuela Vivida, depositada no Museo de Pontevedra. Presentamos unha análise da breve, aínda que frutífera, vida desta senlleira asociación pontevedresa, que coincidiu no tempo con outras de rango nacional, ou mesmo, a nivel local, coa Asociación de Traballadores do Ensino, da FETE-UGT, tamén coñecida como ATE-Vigo, fortemente represaliada naqueles aciagos días.